Too Cool for Internet Explorer

Derradeiro post

Facendo a maleta

Aquí estou, facendo as maletas a outro novo hosting. Desta volta co apelido blogaliza. Adeus blogsome, quen sabe se nos volveremos ver.

A partir de agora pasen por mediapinta

Rumbera!

Teño que recoñecer que me gustan as liortas tanto como ver chover

Sei o que pensan, e teñen razón, hai que decilo máis. Porque sen dúbida non é máis que isto.

A banda deseñada no Congreso dos Diputados


Aquí tedes o audio que gravei dun feito histórico, a discusión no Congreso dos Diputados do Imperio Pequeno dunha proposición non de lei para a creación dun Premio Nacional de Cómic. A unanimidade nas ponencias e nas votacións fixo que parece ser que o Premio sexa só o principio dun apoio institucional ó oitavo arte no estado español.

Aquí (pdf, páx. 8.347) tedes a transcripción do debate.
E para ver o que esto pode significar nada mellor que ler ós que máis saben (La Cárcel de Papel 1, 2 e 3), ós que estiveron alí (Carla Berrocal de Diario de una pintamonas) e ós interesado daquí (BDbanda)

‘Que el ritmo no pare!’

amigos e cervexas

A mellor compaña do mundo: amigos e cervexas. As dúas cousas xuntas. Se a esto lle engadimos unha partidiña de rol antes e un par de colegas polacos a noite do venres está servida.

Boks de cervexa e rusos brancos no Curruncho e achuchóns, frotamentos e licor do negro café no Insomnia. Os máis afoutos chegaron ata o Ruta, un servidor retirouse a tempo.

ovos

E o domingo a pintar ovos na alameda. Tal como o ledes. Os amigos polacos montaron unha carpa na alameda para amosar ós paseantes distintos postres propios da Pascua así como o tradicional pintado de ovos duros.
Dende aquí recomendo a todo o que se queira relaxar que probe a pintar ovos. Relaxa, relaxa! Inda que tamén axuda estar arrodeado de loiras de ollos azuis e grandes sorrisos.

E estas actividades ó aire libre e outras, coma andar nas terrazas, as puidemos disfrutar gracias ós dous días de tregua que esta chuviosa primavera nos deu.

Mantendo o ritmo

six post morning

Non hai nada como un bo concerto e unha festa cos amigos para recupera-lo ánimo, e así o fixen o xoves.

No Cachán puidemos asistir “de gratís” ó concerto dos composteláns 6 pm (ou six post morning), semifinalistas do Proyecto Demo 2006. Eles dous sós e coa axuda dun par de bases programadas, un acordeón, unha trompeta, un baixo, unha batería e as súas voces, amosaron o seu bo facer brindándonos unha colección de temas de pop cantado en inglés de alta calidade.
Xa sabedes o malo que son eu etiquetando ós grupos ou facendo comparacións ou tirando referencias. Teñen algunhas cancións que recordan a Manta Ray, outras poderían ser de Fangoria se cantaran en inglés e tamén soan a algo da última Nawja Nimri.
Remarcar a asistencia de persoeiros senlleiros do blogomillo coma Berto ou Kate, que bailaron e disfrutaron baixo a bola de espellos.

E despois a inaugura-lo piso de Patrick, malia ó descontento dos veciños. Dende Tailandia a Perú, pasando por Luxemburgo a festa foi unha vez máis unha torre de Babel.

Foi unha pena que esquecera a cámara e non teña rexistro de todo o que pasou.

A nosa particular caravana seguíu a ruta de sempre: apretóns, empuxóns, falta de osíxeno e música petarda enriba da tarima do Insomnia e logo ó Maycar, que é costa abaixo. Mariño e máis eu, fortes perante os cantos de serea, marchamos a casa.

Unha vez máis

E coa recuperación desta entrada casi antiga volvo unha vez máis a intentar retoma-la bitácora.

Ponte de Vidán

E así seguimos, porque casi nada cambia. Todo segue bastante desordeado e tirando daquela maneiera. E chove, claro. Chove moito. En Santiago xa son case dúas semanas sen parar.

E para a requete-inauguración un feito deses que amolan a un o día e case que todo o que queda de semana.
Hoxe po-la mañá chamáronme para esta tarde ir facer un test a un empresa de informática, pero a miña mala sorte (cultivada durante anos de non reenviar cadeas de correo) fixo que o móbil quedara sen batería xusto no intre en que me estaban a decir o nome da empresa e o enderezo. Volveron chamar pero inda non me dera tempo de enchufalo.
Así que aquí sigo composto (por non decir outra cousa) sen traballo e sen moza.

Foto de Gallego

Semana de festa

(Esta entrada levaba máis dun mes para ser subida á espera do truco das fotos (o efecto Polaroid), así que aquí a subo tarde, mal e arrastro)

Fai dúas semans fixemos un maratón festeiro. Como nas nosas mellores épocas saimos martes, mércores, xoves e venres.
A ver cando fan uns xogos olímpico de festeiros, que de seguro levamos algunha medalla.
Bye, bye Christoph
O martes fomos a unha cea sorpresa (sorpresa par nós, que pensabamos ir de tapas e gastamos 15 €) para despedir ó noso colega Christoph, que voltaba á Alemaña.
Bo ambiente, boa comida no Mesón del Pulpo de Vista Alegre e para casa, Festa do Licor Café no Insomnia un martes xa era demasiado.
10 Aniversario de A Reixa
O mércores veu Juan de Pablos coma convidado a celebrar o 10 aniversario de A Reixa, polo que nós non podiamos faltar a tan magno acontecemento. Alí estivemos un bo rato escoitando boa música e bebendo un par de cervexas. E logo para casa tampouco moi tarde.
Irish Birhtday
E o xoves foi o desmadre… O noso colega irlandés Patrick invitounos á cea po-lo cumpreanos dunha compatriota súa á que nós nunca viramos diante. Eu pasei de ir á cea que xa me chegou ca de Cristoph, pero fun para os postres. Cando chegei o ambiente xa estaba empezando a ferver, o viño corría coma ríos e o licor café non tardou en face-la súa aparición.
Despois da cea os irlandeses decidiron ir ó Momo. Eu non digo que non estea ben, pero non hai cor se o comparamos co Porrón. Así que alá nos fomos cun selecto grupo de colegas extranxeiros.
O rito do porrón é ineludíbel, é o bautizo dos borrachos. E así o tomaron os erasmus.
Despois da cerimonia xuntámonos cos demáis no Momo.
E despois dalí peregrinaxe po-lo Insomnia, Tarasca, para voltar ó Momo onde quedaban os últimos de Filipinas xogando ó fubolín.
Paolo's Birthday Party
E se a do xoves foi unha noite de peregrinación a do venres foi sedentaria total pois estibemos todo o tempo nun piso.
Eso é o que ten Santiago, que moitos dos seus pisos son inhabitabeis, pero para un ano teñen un aquel bohemio que mola. Este é o caso do piso da festa, no que vivían un italiano, unha polaca e un galego (coma nos chistes)
E alí xuntámonos as Nacións Unidas para celebra-lo cumpreanos de Paolo, un italiano que supostamente xogaba no meu equipo de futbol.
A festa foi subindo, subindo, ata que o piso quedou pequeno e nos botamos á rúa. O noso destino: o Maycar.

E así chegamos derrengados á fin de semana, eu e máis Pablo coa firme promesa de na próxima semana non sair máis dun día.

Unhas cantas pelis

Coma sempre vou a golpes acumúlaseme o choio.
Aquí van unhas cantas pelis que na súa maioría cumpriron a súa función de pasa-lo rato e algunhas incluso algo máis. O problema está en cando queren ser máis do que son ou se venden desta maneira.
Por rigurosa orde cronolóxica:

O lapis do carpinteiro

O lapis do carpinteiro

Poucos son os actores galegos que quedaron sen sair nesta película (algo farían) Unha historia ben levada, boa ambientación, actuacións decentes e pouco máis. Supoño que o libro estará mellor, a ver se o leo un día destes.

Crash

Crash

Unha das sensacións do 2005 nos Estados Unidos. Tiña altas espectativas deste filme e cumpriunas folgadamente.
Historias cruzadas, ou mellor dito, historias impactadas, chocadas. Mosaico do racismo e da xenofobia nunha cidade tan multicultural coma Os Ánxeles.
As historias están moi ben contadas, hai actuacións de altura e a música de Mark Isham é o complemento perfecto.
E que cada un decida se ve o vaso medio cheo ou medio valeiro.

Le críticas máis curradas de fagot (de a peli do día), de MADMAX (de cine, vicio, subcultura) , de André Batista (de Cool2ra) ou de CP (de Hegemonía)

Mulholland Drive

Mulholland Drive

¿Ten algún sentido facer unha película que só entenda o que a escribíu? Non digo que non me gustara Muholland Drive, pero si que despois de que atopan a caixa no teatro non entendín nada de nada.
Se alguén me di que a entendeu a primeira vez que a víu e que non necesitou explicacións ou teorías posteriores non llo creo.
Se alguén quere que lla expliquen pregúntenlle ó Pol.
E un punto máis para o meu namoramento por Naomi Watts.

Avalon

Avalon

Se digo que Avalon é de Mamoru Oshii xa está todo dito. Director, entre outras, de Ghost in the Shell e Ghost in the Shell: Innocence.
Avalon é o colmo da aldea global. Dirixida e escrita por xaponeses, rodada en Varsovia, interpretada por polacos e pagada por chineses de Hong Kong.
Nun futuro preto algunhas persoas vivirán dedicadas por completo a xogar a un xogo de guerrillas cun alto realismo, conseguindo así algún diñeiro e recoñecemento social. A protagonista é das mellores xogadoras, pero ten un trauma pasado que debe solucionar para poder seguir avanzando. A aparición dun xogador de gran habilidade, coñecido só co nome de Bishop, fará que a protagonista abandone a súa táctica individual e intente formar de novo un grupo de xogadores.
A pesar do espectacular das súas imaxes e efectos especiais e dunha interesante historia de realidades virtuais a película é altamente aburrida. Lenta e cunhas interpretacións que deixan moito que desexar (especialmente a protagonista, Ash, Malgorzata Foremniak)
Conclusión: non a rematamos de ver.
Pronto máis en CINEMA FRIKI.

Ilegal

Ilegal

De novo tódo-los actores e actrices galegos son chamados a facer unha película. Desta volta trátase dun thriller con trasfondo social (inmigración ilegal, mafias, etc.)
Pódese esquecer un dela facilmente despois de vela, non deixando ningún tipo de recordo, nin bo nin malo. Só unha cousa: como a alguén que está escapando en Compostela o único sitio que se lle ocorre para agocharse é na Berenguela??!! Incredible, but true. E bueno, Lucía Jiménez sempre me parece estúpida en tóda-las súas interpretacións. Co ben que quedaba en Al Salir de Clase (ou non)

Munich

Munich

Unha peli de Spielberg sen nenos nin extraterrestres, pero con xudeus. Senon non sería Spielberg.
Munich é un relato máis da estupidez da vinganza, da lei do Talión, porque a violencia só enxendra violencia e que cando esta comeza xa non hai nin “bos” nin “malos”, só xente que sufre.
Un filme correcto sobre un tema no que case todo o que se diga é incorrecto para alguén.

E de momento esto é todo o que levo visto nas dúas últimas semanas. A ver se consigo vencerme a min mesmo e escribir máis de seguido.

Utopía necesaria coma o pan de cada día

< <"Poesía necesaria coma o pan de cada día", di o poeta. Poesía e utopía riman ben, e amba-las dúas son indispensabeis para atravesa-lo túnel Non aceptamos esa sociedade oficial que reduce a vida humana a mercado ou, no mellor dos casos, proponse o obxectivo, sempre aprazado, de reduci-la fame á metade...

Estamos indignados e perplexos. Moitas voces, dende moitos ángulos, confesan que estamos en crise. E que, así as cousas, non lle va nin a Deus ni ó Mundo. Estar en crise, nembargantes, non é necesariamente unha desgraza. A crise é a febre do espírito. Onde hai febre hai vida. Os mortos non teñen febre.

Non se trata de ignora-la realidade. Inda máis: hai que asumila e trasformala, radicalmente. Agora xa non nos conformamos con proclamar que "outro mundo é posíbel"; proclamamos que é factíbel e facémolo. A Axenda Latinoamericana Mundial que estamos preparando para o 2007 titúlase precisamente: "Esiximos e facemos outra democracia". "Abaixo -co pobo- e á esquerda", definen os zapatistas en "a outra campaña". E xa se anunciou que imos "cara o socialismo do século XXI" con "a Humanidade coma suxeito" do cambio.

Cómpre a utopía porque a desigualdade entre ricos e pobres aumenta, segundo a ONU, incluso en países do Primeiro Mundo. A Nosa América, segundo a OEA, é a rexión máis inxusta, por esa desigualdade sistemática. Hai máis riquezas na Terra, pero hai máis inxustizas. África foi chamada "o calabozo do mundo", unha "Shoa" continental. Un total de 2.500 millóns de persoas sobreviven na Terra con menos de 2 euros ó día e 25.000 persoas morren diariamente de fame, segundo a FAO. A desertificación ameaza a vida de 1.200 millóns de persoas nun centenar de países. Ós emigrantes lles é negada a fraternidade, o chan baixo os pés. Estados Unidos construe un muro de 1.500 kilómetros contra América Latina, e Europa, ó sur de España, ergue unha valado contra África. Todo o cal, ademáis de inicuo, é programado. Un inmigrante africano, nunha estremecedora carta, escrita "tra-los muros de separación", advirte: "Rógolles que non pensen que é normal que vivamos así, porque de feito é o resultado dunha inxustiza establecida e sostida por sistemas inhumanos que matan e empobrecen... Non apoien este sistema co seu silencio".

Pero a Humanidade "móvese"; e está dando un xiro cara a verdade e cara a xustiza. Hai moita utopía e moito compromiso neste planeta desencantado. Alguén recordou que o século XX "foi un inmenso cimiterio de imperios: o británico, o francés, o portugués, o holandés, o alemán, o xaponés e o ruso". Queda, abaneando, o imperio estadounidense, que caerá tamén. "América Latina arrédase da tutela dos Estados Unidos" e Asia deu tamén as costas ós Estados Unidos, no primeiro cumio, organizado po-la Asean. A Unesco declarou Patrimonio da Humanidade a Diversidade Cultural. O século XXI - que xa sabemos que será un século místico- será tamén o século do Medio Ambiente. O diálogo ecuménico e o diálogo interrelixioso crecen en varios niveis, coma un novo paradigma da fe relixiosa e da paz mundial. As Igrexas, as Relixións, vanse atopar necesariamente e terán que poñerse en paz para a paz do mundo. Na Igrexa Católica, dentro dunha monótona continuidade oficial, que xa era de agardar, moitas comunidades e moitos colectivos de reflexión teolóxica e de pastoral saben ser ó mesmo tempo fieis e libres. Imos aprendendo a ser Igrexa adulta, unha e plural. Se rexeitamos a dictadura do relativismo, tamén rexeitamos a dictadura do dogmatismo. Non permitiremos que o Concilio Vaticano II sexa un "futuro esquecido": e ata urxe o proceso de preparación dun novo Concilio, verdadeiramente ecuménico, que aporte dende a fe cristiá á tarefa maior de humaniza-la humanidade. Na nosa América estase preparando a V Conferencia Episcopal, chamada "Celam V". Un primeiro texto, de consulta, resulta moi pouco estimulante, coma escrito "por teólogos que xa están no ceo", ironiza un vello teólogo. Tocaranos suplir alternativamente e non permitir que ese "Celam V" esqueza Medellín. Hai prioridades socio-pastorais, na nosa América, que nos esixen realismo e utopía, coherencia e compromiso, sen posíbel aprazamento.

Aquí, na casa, na Prelatura de São Félix do Araguaia, seguimos camiñando, agora co bispo Don Leonardo. Non nos faltan desafíos. Continúan sen solución o acampamento fronte a Facenda Bordolândia, xa desapropiada; a Gleba Liberdade, de acampados tamén, preto de 3 anos agardando, e a aldea Xavante Marawatsede, con 13 anos de tensión. (As políticas agraria e indixenista do noso Brasil están atoradas, por "respecto" ó latifundio, ó agronegocio e á élite político-rural). Na Asemblea Pastoral deste ano reafirmamos as tres prioridades da nosa Igrexa particular: formación, autonomía, pastoral socio-política. Estámonos preparando para a grande Romería dos Mártires da Caminada, en Ribeirao Casacalheira, os días 15 e 16 de xullo, con ocasión do 30º Aniversario do martirio do pai João Bosco Penido Burnier. Co noso pai João Bosco facemos memoria de todos aqueles e aquelas que van dando a súa vida po-lo Reino, particularmente na nosa América. O lema da Romería é "Vidas po-lo Reino da Vida". Entre tantas memorias destacamos a figura do patriarca da causa indíxena, Sepé Tiaraiú, no 250 aniversario da súa heroica morte.

Facer memoria do martirio é vital para cada pobo, vital para a Igrexa de Xesús. Se perdemos a memoria dos mártires, perdemos o futuro dos pobres.

Eu sigo no sosego de xubilado, experimentando "a pobreza biolóxica" cas súas limitacións. En compesación puiden editar algúns libros, coma fillos da vellez.

Sigamos editando utopía, compromiso, transparencia, vida. E recordemos que a utopía debe ser verificada na praxis diaria, que "a esperanza só se xustifica nos que camiñan" e que "nos é dada para servir ós desesperanzados". Para este servizo penso que hoxe se nos pide, sobre todo, un testimonio coherente, unha proximidade samaritana, unha presenza profética.

A todos, a cada un e cada unha a quen debo amizade, gratitude e carta, unha entrañábel aperta na paz militante do Evanxeo.>>

Pedro Casaldáliga (El País)

House, Doutor House

House

Este tipo de aquí enriba, o Doutor House, é un cabrón dos gordos, amén doutra ducia de insultos que se vos poidan ocorrer. E esa é a premisa da nova serie que ven de estrear cuatro, House. Un doutor sen pelos na língua ó que lle importan máis as enfermidades que os pacientes, todo unha xoia.

Para mostra un botón.

Chámano po-la noite por un problema cun paciente. Na entrada atópase ca directora do hospital
Directora: Non me diga que ven facer horas extras…
House: Non, veño foder cunha puta, á moi porca lle pon facelo nun hospital.
Directora: … (e marcha)

Ó día seguinte, no corredor, diante de varios compañeiros
Directora: ¿Que tal onte ca túa puta?

House: Alédome de que me fagas esa pregunta. Díxome que quería ser directora de hospital, pero os escrúpulos llo impediron.

A verdade é que a serie fai unha combinación de comedia sarcástica con drama hospitalario políticamente incorrecta. Por iso gústame e creo que xa estou enganchado a este tolleito cabrón.

Para os frikis do lugar decir que o capítulo piloto, o primeiro que botaron, estaba dirixido por Bryan Singer.