Too Cool for Internet Explorer

Utopía necesaria coma o pan de cada día

< <"Poesía necesaria coma o pan de cada día", di o poeta. Poesía e utopía riman ben, e amba-las dúas son indispensabeis para atravesa-lo túnel Non aceptamos esa sociedade oficial que reduce a vida humana a mercado ou, no mellor dos casos, proponse o obxectivo, sempre aprazado, de reduci-la fame á metade...

Estamos indignados e perplexos. Moitas voces, dende moitos ángulos, confesan que estamos en crise. E que, así as cousas, non lle va nin a Deus ni ó Mundo. Estar en crise, nembargantes, non é necesariamente unha desgraza. A crise é a febre do espírito. Onde hai febre hai vida. Os mortos non teñen febre.

Non se trata de ignora-la realidade. Inda máis: hai que asumila e trasformala, radicalmente. Agora xa non nos conformamos con proclamar que "outro mundo é posíbel"; proclamamos que é factíbel e facémolo. A Axenda Latinoamericana Mundial que estamos preparando para o 2007 titúlase precisamente: "Esiximos e facemos outra democracia". "Abaixo -co pobo- e á esquerda", definen os zapatistas en "a outra campaña". E xa se anunciou que imos "cara o socialismo do século XXI" con "a Humanidade coma suxeito" do cambio.

Cómpre a utopía porque a desigualdade entre ricos e pobres aumenta, segundo a ONU, incluso en países do Primeiro Mundo. A Nosa América, segundo a OEA, é a rexión máis inxusta, por esa desigualdade sistemática. Hai máis riquezas na Terra, pero hai máis inxustizas. África foi chamada "o calabozo do mundo", unha "Shoa" continental. Un total de 2.500 millóns de persoas sobreviven na Terra con menos de 2 euros ó día e 25.000 persoas morren diariamente de fame, segundo a FAO. A desertificación ameaza a vida de 1.200 millóns de persoas nun centenar de países. Ós emigrantes lles é negada a fraternidade, o chan baixo os pés. Estados Unidos construe un muro de 1.500 kilómetros contra América Latina, e Europa, ó sur de España, ergue unha valado contra África. Todo o cal, ademáis de inicuo, é programado. Un inmigrante africano, nunha estremecedora carta, escrita "tra-los muros de separación", advirte: "Rógolles que non pensen que é normal que vivamos así, porque de feito é o resultado dunha inxustiza establecida e sostida por sistemas inhumanos que matan e empobrecen... Non apoien este sistema co seu silencio".

Pero a Humanidade "móvese"; e está dando un xiro cara a verdade e cara a xustiza. Hai moita utopía e moito compromiso neste planeta desencantado. Alguén recordou que o século XX "foi un inmenso cimiterio de imperios: o británico, o francés, o portugués, o holandés, o alemán, o xaponés e o ruso". Queda, abaneando, o imperio estadounidense, que caerá tamén. "América Latina arrédase da tutela dos Estados Unidos" e Asia deu tamén as costas ós Estados Unidos, no primeiro cumio, organizado po-la Asean. A Unesco declarou Patrimonio da Humanidade a Diversidade Cultural. O século XXI - que xa sabemos que será un século místico- será tamén o século do Medio Ambiente. O diálogo ecuménico e o diálogo interrelixioso crecen en varios niveis, coma un novo paradigma da fe relixiosa e da paz mundial. As Igrexas, as Relixións, vanse atopar necesariamente e terán que poñerse en paz para a paz do mundo. Na Igrexa Católica, dentro dunha monótona continuidade oficial, que xa era de agardar, moitas comunidades e moitos colectivos de reflexión teolóxica e de pastoral saben ser ó mesmo tempo fieis e libres. Imos aprendendo a ser Igrexa adulta, unha e plural. Se rexeitamos a dictadura do relativismo, tamén rexeitamos a dictadura do dogmatismo. Non permitiremos que o Concilio Vaticano II sexa un "futuro esquecido": e ata urxe o proceso de preparación dun novo Concilio, verdadeiramente ecuménico, que aporte dende a fe cristiá á tarefa maior de humaniza-la humanidade. Na nosa América estase preparando a V Conferencia Episcopal, chamada "Celam V". Un primeiro texto, de consulta, resulta moi pouco estimulante, coma escrito "por teólogos que xa están no ceo", ironiza un vello teólogo. Tocaranos suplir alternativamente e non permitir que ese "Celam V" esqueza Medellín. Hai prioridades socio-pastorais, na nosa América, que nos esixen realismo e utopía, coherencia e compromiso, sen posíbel aprazamento.

Aquí, na casa, na Prelatura de São Félix do Araguaia, seguimos camiñando, agora co bispo Don Leonardo. Non nos faltan desafíos. Continúan sen solución o acampamento fronte a Facenda Bordolândia, xa desapropiada; a Gleba Liberdade, de acampados tamén, preto de 3 anos agardando, e a aldea Xavante Marawatsede, con 13 anos de tensión. (As políticas agraria e indixenista do noso Brasil están atoradas, por "respecto" ó latifundio, ó agronegocio e á élite político-rural). Na Asemblea Pastoral deste ano reafirmamos as tres prioridades da nosa Igrexa particular: formación, autonomía, pastoral socio-política. Estámonos preparando para a grande Romería dos Mártires da Caminada, en Ribeirao Casacalheira, os días 15 e 16 de xullo, con ocasión do 30º Aniversario do martirio do pai João Bosco Penido Burnier. Co noso pai João Bosco facemos memoria de todos aqueles e aquelas que van dando a súa vida po-lo Reino, particularmente na nosa América. O lema da Romería é "Vidas po-lo Reino da Vida". Entre tantas memorias destacamos a figura do patriarca da causa indíxena, Sepé Tiaraiú, no 250 aniversario da súa heroica morte.

Facer memoria do martirio é vital para cada pobo, vital para a Igrexa de Xesús. Se perdemos a memoria dos mártires, perdemos o futuro dos pobres.

Eu sigo no sosego de xubilado, experimentando "a pobreza biolóxica" cas súas limitacións. En compesación puiden editar algúns libros, coma fillos da vellez.

Sigamos editando utopía, compromiso, transparencia, vida. E recordemos que a utopía debe ser verificada na praxis diaria, que "a esperanza só se xustifica nos que camiñan" e que "nos é dada para servir ós desesperanzados". Para este servizo penso que hoxe se nos pide, sobre todo, un testimonio coherente, unha proximidade samaritana, unha presenza profética.

A todos, a cada un e cada unha a quen debo amizade, gratitude e carta, unha entrañábel aperta na paz militante do Evanxeo.>>

Pedro Casaldáliga (El País)

House, Doutor House

House

Este tipo de aquí enriba, o Doutor House, é un cabrón dos gordos, amén doutra ducia de insultos que se vos poidan ocorrer. E esa é a premisa da nova serie que ven de estrear cuatro, House. Un doutor sen pelos na língua ó que lle importan máis as enfermidades que os pacientes, todo unha xoia.

Para mostra un botón.

Chámano po-la noite por un problema cun paciente. Na entrada atópase ca directora do hospital
Directora: Non me diga que ven facer horas extras…
House: Non, veño foder cunha puta, á moi porca lle pon facelo nun hospital.
Directora: … (e marcha)

Ó día seguinte, no corredor, diante de varios compañeiros
Directora: ¿Que tal onte ca túa puta?

House: Alédome de que me fagas esa pregunta. Díxome que quería ser directora de hospital, pero os escrúpulos llo impediron.

A verdade é que a serie fai unha combinación de comedia sarcástica con drama hospitalario políticamente incorrecta. Por iso gústame e creo que xa estou enganchado a este tolleito cabrón.

Para os frikis do lugar decir que o capítulo piloto, o primeiro que botaron, estaba dirixido por Bryan Singer.

Cinema made in Galicia

Os luns ó sol

Hoxe a TVG ven de inaugurar un novo espazo dedicado ó cinema galego. Estrearonno con Os luns ó sol. Inda non anunciaron a que porán o próximo luns, pero como di fagot en catro luns xa estamos vendo Sempre Xonxa.

Supoño que xa todos veríades esta película, pero eu era a primeira vez que a vin. Poucas veces vexo as películas que todos ven. Canto máis falan delas máis tardo en velas. Supoño que será para ter unha visión con menos prexuizos, ou algo.
Pouco se pode decir da película que non se teña dito xa. Unha historia realista, crúa e á vez amable. Unhas personaxes que se fan querer a pesar de tódo-los seus defectos. Un retrato dunha cidade e dunha época local pero que podería ser calquera sitio de Europa.

Ah, si. Fixen o meu derradeiro exame (eso espero) Empezarei a pasa-los días ó sol. Mañá sen moito relax que terei que volver a poñer a andar toda a trangallada virtual.

¿Por que os de cuatro teñen a teima de pór os capítulos das serie de dous en dous? Catro tempadas de Crossing Jordan en pouco máis de dous meses (dous capítulos de luns a domingo). Mañá serie nova, House. Dous capítulos seguidos, claro. Se só botaran un daríame tempo de ver O último boy scout.